Thursday 16 de May de 2024

A tradición, o folclore e a artesanía marcan o inicio da XVIII Festa do Lacón con Grelos en Mesón do Vento


O programa exalta a parte máis lúdica e festiva desta celebración culinaria

A XVIII Festa do Lacón con Grelos, que dende hoxe se celebra na localidade ordense de Mesón do Vento, arrancou este ano a golpe de tradición musical. O I Encontro Folclórico encheu de xente a zona, ávidos por desfrutar dos ritmos e danzas das agrupacións Sementes da Arte, Camiño Real de Poulo, así como da asociación procedente da veciña parroquia de Leira.
Os asistentes tampouco perderon a oportunidade de visitar a mostra e o mercado de artesanía que alberga a nave do Mesón, na que máis de quince postos ofrecen todo tipo de creacións ralizadas con todo tipo de materiais, ademais de produtos alimenticios entre os que non faltan queixos e bos viños.
Xa de cara a esta tarde a maxia do Entroido volverá a encher as rúas de máscaras, fantasía, diversión e ilusión multicolor. Arredor de 200 participantes teñen confirmada a súa asistencia ao desfile e posterior concurso no que se repartirán importantes premios en metálico.

2.450 quilos para degustar
Pero o día grande terá lugar mañá domingo, 13 de marzo. Será o día propio da exaltación e degustación culinaria deste prato que ocupa un lugar destacado no receitario galego. Bares, restaurantes e cantinas ofrecerán arredor de 2.450 quilos de lacón, patacas, grelos e chourizos aos milleiros de asistentes que se esperan, sobre todo tendo en conta as boas predicións meteorolóxicas previstas.
O programa deste domingo está repleto doutros atractivos como a concentración moteira na que participan numerosos clubes da provincia, así como as probas cabalares e carreiras de trotóns de distintas categorías que se sucederán dende as 11.30 horas. Ás 12 horas arrancarán as probas de agility canina, así como os distintos obradoiros infantís nos que os nenos e nenas poderán desfrutar de balde. Carreiras de burros e actuacións musicais ao longo de toda a xornada marcarán tamén este día grande de festa na parroquia de Ardemil.